Thursday 02 de May de 2024

Cabanas destaca os 16 anos de concurso Picadillo como reclamo turístico para a cidade


 

A concelleira de Turismo lembrou a implicación da cidadanía no evento gastronómico máis antigo de Galicia, que terá lugar desde o venres ata o 29 de setembro e no que participarán 65 establecementos

A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, e a xerente de Turismo, Lanzada Calatayud, presentaron esta mañá en María Pita o XVI Concurso de Tapas Picadillo, que terá lugar entre os días 13 e 29 de setembro, nas modalidades de tapa tradicional e tapa creativa con dous premios máis de maridaxe, no que este ano colaborará a D.O. Rías Baixas, e un cuarto que sairá da votación popular. Serán en total 65 establecementos os que presentarán un total de
83 propostas, 47 na categoría tradicional; 36, na creativa; e 21 delas, en maridaxe.

A edila agradeceu a colaboración das escolas de hostalería San Javier, e as das Pontes e Arteixo, así como á Asociación de Celíacos de Galicia, e a neta de Manuel María Puga y Parga “Picadillo”, Chau Fernández-Gago y Puga, de quen toma nome o evento gastronómico máis antigo de Galicia. Cabanas falou da súa longa tradición e da implicación que esperta entre a cidadanía, “que degusta e descobre novos locais da Coruña que, a non ser por este reclamo, non os terían coñecido”.

Así mesmo, subliñou o papel do sector hostaleiro para ofrecer “o mellor da cociña atlántica e, en especial, da coruñesa, onde ademais da materia prima e o produto de proximidade, destaca o talento e a innovación dos seus profesionais”. A Coruña, engadiu, presenta neste tipo de iniciativas a súa cara máis vangardista, polo que os

Picadillo supoñen un motivo máis para promocionar a cidade como destino turístico- gastronómico.

Por outra parte, lembrou a participación da Coruña os días 16 e 17 na asamblea Saborea España, que este ano se realizará en Tenerife, onde esperan poñer en valor a gastronomía local e aproveitar as sinerxías e os proxectos que esta xera. Neste aspecto, a xerente de Turismo falou da intención de que a cidade teña un papel máis activo na plataforma Turespaña a través do comité executivo.

Desde a concellería contan que así poderán potenciar eventos culinarios que cada vez están máis consolidados como este concurso Picadillo, pero tamén o festival Boucatise, de bocatas gourmet que terá lugar en novembro; as xornadas Lacónicas do Entroido; e o festival Sabores Atlánticos, programado para o vindeiro verán. Calatayud confirmou que haberá recompensas económicas de 1.000 euros para a mellor tapa tradicional e creativa, e de 500 para as de maridaxe e a máis popular e remarcou que de todas as delicatessen, un 20% son aptas para as persoas celíacas.

Nunha primeira fase do certame, o xurado estará conformado por representantes das escolas de hostalaría con Chau á cabeza que farán un percorrido polas catro rutas gastronómicas establecidas para probar a totalidade de propostas, e nunha segunda criba serán cociñeiros de prestixio quenes elixirán as e os gañadores. Por último, continuarán os obradoiros Pequepinchos, os días 21 e 28 no mercado de Santo Agostiño, para fomentar o gusto polos fogóns entre as nenas e nenos. Calatayud explicou que xa está aberta a inscrición na web http://tapaspicadillo.coruna.es.